Coa primeira guerra mundial prodúcese o desenvolvemento da industria armamentística ao mesmo tempo que a propaganda se converte nun proceso organizado e profesionalizado.
Neste momento aparece o concepto de “guerra de masas”. Isto quere dicir que o conflito bélico non afecta só aos miliares senón que involucra directamente á poboación civil.
De xeito que, ante o elevado número de vítimas, a propaganda converteuse nunha ferramenta psicolóxica para a motivación dos combatentes, mais cada bando desenvolveu técnicas e estratexias distintas, nesta actualización centrarémonos no bando alemán.
ALEMAÑA
A súa propaganda caracterízase por ser de tipo defensivo de xeito que, a súa principal carcterística, é a existencia dun primeiro sector (partido ou estado) que inicia a mensaxe fixando o seu eixo temático e un segundo sector que responderáás acusacións, tentando reverter o “debate” cara temas que lle resulten máis favorábeis.
Esquema da propaganda defensiva que actualmente continua sendo empregado por algúns partidos:
O bando alemán tamén desenvolveu unha estratexia propagandística encamiñada a dominar a opinión pública dos americanos. A través disto pretendían sensibilizar aos americanos con descendencia alemá e aos irlandeses en contra dos británicos; mais non tiveron demasiado éxito, tanto no eido militar coma no propagandístico.
Velaí vos van algúns carteis pertencentes á propaganda alemá durante a I Guerra Mundial:
A propaganda, termo que xa definimos en anteriores actualizacións, enmárcase dentro da comunicación social e procura mobilizar persoas e acadar conciencias.
Esta disciplina manifestouse ao longo da historia de múltiples xeitos: a través da palabra falada, dos medios escritos en xeral e particularmente da prensa, da imaxe (pintura, escultura, arquitectura) mais tamén a través da literatura, do cine e mesmo do xeito de vestir.
De maneira que o estudo da propaganda non debe limitarse ao que realmente se amosa como tal, senón que, tamén debe referirse ao complexo sistema de comunicación humana nunha sociedade onde cada mensaxe pode xogar unha función propagandística independentemente, nalgunhas ocasións,de que ao producirse se tivera esa intención.
O fenómeno da propaganda existe dende o inicio das sociedades agrupadas mais o termo en si mesmo non comeza a empregarse até o s. XVII.
Algúns autores sitúan o comezo desta disciplina no Imperio Romano cuxa ilustración e sagacidade puxo aos romanos alén dos seus contrincantes desenvolvendo numerosos métodos propagandísticos; Julio Cesar fundou o primeiro xornal da historia que asemade era oficialista, Augusto foi, practicamente, o pai do populismo estatal e Adriano, cos seus monumentos e escritos omnipresentes que expoñían aos romanos coma se posuíran un conxunto de virtudes únicas, o primeiro nacionalista.
Mais hoxe, considerase como a primeira peza de propaganda formal da historiaunha escritura duns 2522 anos, a Inscrición de Behistun, a cal axudou a Dario I a facerse co trono de Persia. Trátase dunha inscrición duns 15 m. de alto por 25 de ancho situada sobre unha montaña a 100 m. de altura. Esta inscrición inclúe, ademais do texto en Elamita e Babilonio, unha imaxe de Dario I triunfante ante o seu rival ao trono.
Foto: Inscrición de Behistun.
Deste xeito podemos observar como a propaganda está totalmente ligada dende o comezo da historia á sociedade.
A entrada de hoxe correspóndese cun traballo de clase no que debemos escoller o mellor post doutro blog relacionado tematicamente.
O blog que eu escollin é www.lacoctelera.com/akire08 xa que fala sobre política e, durante os últimos días, as miñas entradas versaron sobre propaganda.
Concretamente a miña entrada estará centrada no post ¿ Resuelto nuestro futuro para los próximos cuatro años?Dende o meu punto de vista esta é unha das mellores actualizacións do blog xa que recolle un tema de actualidade, sobre todo no seu momento, e que ademais suscitaba moito interese.
Por outra banda, creo que a análise que fai das últimas eleccións ao comezo do post é claramente acertada mais tamén considero que escasa. Nela define o bipartidismo como unha das principais características destas eleccións así como considera que foi un elemento crucial nos resultados das mesmas pero non analiza os principais trazos dese bipardismo nin critica que nun estado cuxa constitución afirma a pluralidade de partidos, as últimas eleccións estiveran más próximas a unhas presidencialistas.
Asemade eu destacaría como un dos principais méritos do post a exposición dos titulares pertencentes aos xornais máis lidos no estado porén creo que en definitiva a visión que estes nos poden proporcionar é practicamente a mesma, salvando as diferenzas ideolóxicas, polo que considero que sería mellor poñer a visión doutros xornais alternativos máis críticos co sistema electoral vixente, co bipartidismo...
Xa para rematar, dicir que me parece un blog interesante, non só esta entrada, senón en xeral, pero houberame gustado ver máis opinión persoal por parte dela e que non se limitara a expoñer só que os xornais din.
Por outra banda, gústariame explicar o título escollido para este post. Creo que con el, describo a miña opinión sobre o blog. Trata temas interesantes pero considero que se queda´na "barreira" e non profundiza demasiado neles.
Ao contrario que o bando golpista, o republicano contaba, ao comezo da guerra, con moitos recursos para espallar a súa propaganda (xornais, emisoras de radio, editoriais…).
Ademais, o goberno da II República, levaba a cabo a labor propagandística a través, nun comezo, da Xunta de Defensa mediante un Conselleiro de Orde Pública e, posteriormente, cunha Delegación específica de Propaganda e Prensa.
Por outra banda contaba coa axuda dos distintos partidos de esquerdas e con outros organismos estranxeiros que apoiaban a lexitimidade do goberno da República como foron o Comité International de Coordination et d'Information pour l'aide à l'Espagne Republicaine" ou a "Asociation Hispanophile de France".
Por outra banda, en todo o territorio controlado polo goberno da República, tanto a prensa escrita (na que se inclúe a ‘prensa de trinchera’), a radio como o cine convertéronse durante o conflito bélico nos principais medios de difusión propagandística.
Se tiveramos que buscar semellanzas con outra propaganda, a republicana estaría ligada, sen dúbida, aos carteis soviéticos.
O goberno republicano, así como os partidos de esquerdas e os sindicatos tiñan como eixo central da súa propaganda os ideais de liberdade, democracia, igualdade e socialismo. Amosando, con algún, as barbaries levadas a cabo polo bando fascista e os seus aliados (Italia e Alemaña).
A continuación amosareivos algún dos carteis propagandísticos que defendían a lexitimidadedo goberno republicano.
O fenómeno da propaganda está indiscutíbelmente ligado á historia da guerra dende a I Guerra Mundial. Hoxe abordarei a Guerra Civil española como un dos momentos históricos máis importantes no desenvolvemento deste modo de comunicación polo seu carácter ideolóxico.
Dende o punto de vista da historia da comunicación o século XX podería considerarse o século do cine, dos medios audiovisuais (radio, televisión) mais tamén da propaganda.
Coa I Guerra Mundial ( 1914 - 1918 ) naceu a propaganda sistemática por parte dos países poderosos. A II Gran Guerra sería claramente o exemplo de poderío da persuasión de masas nun conflito, porén, a Guerra Civil española, como antecedente da II Guerra Mundial no terreo político – ideolóxico e tamén militar foino, do mesmo xeito, no terreo propagandístico.
A continuación describirei, brevemente, como era a propaganda no bando fascista.
1.Bando nacional ou fascista.
Ao comezo da guerra o bando franquista dispoñía de moitos menos instrumentos para difundir a súa propaganda xa que as grandes cidades se mantiveran fieis ao goberno lexítimo da República e con elas os xornais, as principais emisoras, os estudos e o material cinematográfico.
Mais co avance progresivo das tropas franquistas, a situación foi mudando.
O exército, o clero e o partido xurdido do decreto de unificación uniformaron rixidamente a información e a propaganda no lado fascista, cuxo modelo propagandístico hai que buscalo na Italia de Mussolini e na Alemaña de Hitler, aínda que con diferenzas.
A propaganda franquista xiraba arredor de dous eixos temáticos, principalmente: a idea da “barbarie roja” e a “cruzada”.
Velaí vos van algúns exemplos que amosan a liña seguida pola propaganda dos golpistas.
A propaganda é unha importante ferramenta da promoción que serve para dar a coñecer, por unha banda, doutrinas, ideas e puntos de vista e, pola outra, información referente a unha organización, os seus produtos, servizos e/ou políticas. Todo isto, coa finalidade de atraer adeptos ou compradores.
Mais debemos ter en conta, tamén, distintas definicións dadas por outros autores.
·Patricia Bonta e Mario Farber, autores do libro 199 preguntas sobre Publicidad y Marketing definen a propagando como “o uso de técnicas publicitarias aplicadas a fins políticos”.
·A American Marketing Asociation (A.M.A) define a propaganda como “as ideas, información ou outro material difundido comunmente a través de medios (xornais, radio, televisión…) nun esforzo por gañar persoas para unha doutrina ou punto de vista”.
·Laura Fischer e Jorge Espejo, autores do libro Mercadotecnia din na súa terceira edición que a propaganda é “un tipo de publicidade que se realiza en medios masivos de comunicación para difundir ideas políticas e relixiosas”.
·O Diccionario de Marketing Cultural S.A define a propaganda como unha “forma de diseminar un concepto que apela, tanto ao intelecto como ás emocións do público ao que vai dirixido. Debido á combinación dos seus obxectivos é o medio preferido para a comunicación de ideas, doutrinas…”
A propaganda, ao igual que a publicidade, foi mudando ao longo da historia. Velaí vos van algúns exemplos de propaganda política, dende os primeiros carteis até os actuais vídeos difundidos por Internet.
Cartel de propaganda soviético
Cartel feito polo escritor, político e debuxante galego, Castelao, para pedir o si ao Estatuto de Autonomía de 1936.
Olalla Rodil, nada na provincia de Lugo e actualmente afincada na cidade de Pontevedra. Son estudante de Publicidade e RR.PP na Universidade de Vigo, concretamente na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.