A propaganda, termo que xa definimos en anteriores actualizacións, enmárcase dentro da comunicación social e procura mobilizar persoas e acadar conciencias. Esta disciplina manifestouse ao longo da historia de múltiples xeitos: a través da palabra falada, dos medios escritos en xeral e particularmente da prensa, da imaxe (pintura, escultura, arquitectura) mais tamén a través da literatura, do cine e mesmo do xeito de vestir. De maneira que o estudo da propaganda non debe limitarse ao que realmente se amosa como tal, senón que, tamén debe referirse ao complexo sistema de comunicación humana nunha sociedade onde cada mensaxe pode xogar unha función propagandística independentemente, nalgunhas ocasións, de que ao producirse se tivera esa intención. O fenómeno da propaganda existe dende o inicio das sociedades agrupadas mais o termo en si mesmo non comeza a empregarse até o s. XVII.
Algúns autores sitúan o comezo desta disciplina no Imperio Romano cuxa ilustración e sagacidade puxo aos romanos alén dos seus contrincantes desenvolvendo numerosos métodos propagandísticos; Julio Cesar fundou o primeiro xornal da historia que asemade era oficialista, Augusto foi, practicamente, o pai do populismo estatal e Adriano, cos seus monumentos e escritos omnipresentes que expoñían aos romanos coma se posuíran un conxunto de virtudes únicas, o primeiro nacionalista.
Mais hoxe, considerase como a primeira peza de propaganda formal da historia unha escritura duns 2522 anos, a Inscrición de Behistun, a cal axudou a Dario I a facerse co trono de Persia. Trátase dunha inscrición duns 15 m. de alto por 25 de ancho situada sobre unha montaña a 100 m. de altura. Esta inscrición inclúe, ademais do texto en Elamita e Babilonio, unha imaxe de Dario I triunfante ante o seu rival ao trono.

Foto: Inscrición de Behistun.
Deste xeito podemos observar como a propaganda está totalmente ligada dende o comezo da historia á sociedade.


Escribe un comentario