Publicidad:
Terra
La Coctelera

PROPAGANDA EN CORES

Como xa dixemos na actualización anterior, a propaganda desenvolvida durante a II Guerra Mundial (1939-1945) non pode compararse a ningunha outra.

Mais, antes de debullar polo miúdo as estratexias propagandísticas levadas a cabo por cada un dos países durante o conflito bélico, realizaremos unha clasificación das accións propagandísticas en función do emisor e dos obxectivos.

a) PROPAGANDA BRANCA: ten a súa orixe nunha fonte aberta e identificada. O seu contido é preciso, sendo o seu obxectivo loubar as excelencias propias e os males alleos.

b) PROPAGANDA NEGRA: é emitida por unha fonte que pretende amosarse como amigable malia que, en realidade, é adversaria. Vai dirixida a corromper a moral e os valores da sociedade contraria para, deste xeito, debilitala. Emprégase, pois, para distorsionar ou criminalizar as mensaxes do inimigo.

c) PROPAGANDA GRIS: preséntase como neutral aínda que provén dun adversario que transmite información falsa.

Un dos estudos máis importantes sobre as estratexias propagandísticas levadas a cabo durante a II Gran Guerra foi a obra A propaganda negra do autor anglo-polaco Stanley Newcourt-Nowodworski.

Nela realiza unha análise sobre a guerra psicolóxica centrado nos plantexamentos e medios empregados durante a II Guerra Mundial para quebrar a vontade das resistencias alemá e británica.

Trátase, pois, dunha obra que nos servirá de alicerce para as vindeiras actualizacións.

INVESTIGACIÓNS NO PERIODO DE ENTREGUERRAS

Durante o período de entreguerras desenvolvéronse profundos estudos sobre a propaganda. Moitos autores, expertos en comunicación, reflexionaron sobre ela no que despois constituiría a Teoría da Propaganda.

Ao mesmo tempo leváronse a cabo estudos sobre a opinión pública e a influencia dos medios de comunicación masivos na sociedade.

Un destes autores foi Paul Félix Lazarsfeld (1901-1976) quen desenvolveu a Teoría dos “dous pasos”; un estudo realizado en 1940 no estado de Ohio durante a campaña electoral na que Franklin Delano Roosvelt foi elixido como presidente dos EE.UU.



Franklin Delano Roosvelt

Con esta investigación, Lazarsfel observou como os efectos das mensaxes están fortemente condicionados polo contexto social no que se enmarca o individuo.

De xeito que a masa deixou de concibirse como un conxunto de seres illados decatándose de que estaban relacionados uns cos outros nun vínculo social que influía na súa conduta. Determinando, asemade, que o líder de opinión conformaría un "segundo paso" entre a mensaxe e a audiencia.

Coa chegada da II Guerra Mundial (1939-1945) estudos e investigacións coma este, xunto co desenvolvemento dos novos medios de comunicación (radio e cine), permitiron pór en marcha unha máquina de propaganda endexamais vista, da que se valeron, entre outros, os réximes fascistas alemán e italiano. Mais isto debullarémolo polo miúdo en vindeiras actualizacións.

Deixovos aquí o enlace a unha web na que se explican algúns dos estudos e investigacións levados a cabo neste periodo: http://comunicacion.idoneos.com/index.php/337570

CINE E PROPAGANDA

O cine naceu oficialmente o 28 de decembro de 1895. Este día os irmáns Lumière amosaron os seus filmes aos espectadores do Salon Indien de Paris.

Coa masificación da guerra e o desenvolvemento da propaganda, foron moitos os réximes que viron nel unha ferramenta moi útil para espallar o seu ideario.

Deste xeito, atopamos numerosos exemplos de cine propagandístico ao logo da historia.

Durante o réxime nazi en Alemaña destacou a realizadora Leni Riefenstahl con películas como Trumph des willens (1936) ou Olympiad: Fset der volker (1936) nas que ensalza a figura do dictador Adolf Hitler.

Leni Riefenstahl

En Italia atopamos o filme Scipione L’africano (1937) no que se ensalza ao Imperio Romano e por extensión ao réxime fascista de Mussolini.

A URSS foi un dos réximes que máis empregou o cine como ferramenta propagandística, posto que Lennin era sabedor de que este podía ser unha forte arma de guerra. Nel destacan películas como Oktiabr (1926) ou O acorazado Potemkin (1925), un dos exemplos máis importantes de cine propagandístico.

O acorazado Potemkin (Броненосец Потемкин, ou Bronenósets Potyomkin, en ruso) foi dirixida polo cineasta soviético Serguèi Eisenstein e considérase un dos mellores filmes da historia do cine.

Serguei Eisenstein

Trátase dunha película baseada, parcialmente, en feitos reais acontecidos no porto de Odesa (Ucrania) durante a semana do 26 de xuño de 1905.

O filme está composto por cinco episodios: Homes e vermes (Люди и черви), Drama no Golfo de Tendra (Драма на тендре), O morto clama (Мёртвый взывает), A escaleira de Odesa (Одесская лестница) e Encontro coa escuadra (Встреча с эскадрой); nos que se narra como os mariñeiros do acorazado se sublevan aos seus dirixentes ante a explotación e as pésimas condicións nas que se atopan.

A escaleira de Odesa - O acorazado Potemkin

Mais co paso do tempo o cine deixou de ser empregado como ferramenta propagandística, debido, en gran medida, á paulatina desaparición das ideoloxías.

Ora ben, na actualidade podemos atopar obras cinematográficas cunha marcada opinión persoal do director como, por exemplo, Land and freedom de Ken Loach ou Unha verdade incómoda do aspirante a presidente dos EE.UU Allen Gore, inda que estas xa non se consideren propaganda.

Malia isto, gustariame propoñervos unha reflexión: poden considerarse as películas de Hollywood unha ferramenta propagandística cuxo obxectivo é espallar a doutrina neoliberal capitalista, reflectida a través do modelo de vida norteamericano?

Emprázovos pois a que expoñades a vosa opinión.


A PROPAGANDA DE AXITACIÓN

A agitprop ou propaganda de axitación é unha estratexia política xeralmente de tendenza comunista que foi descrita, orixinariamente, polo doutrinario marxista Georgi Plejánov.

Este modelo propagandístico difúndese a través da arte e/ou a literatura empregando como métodos a axitación e a propaganda. O seu principal obxectivo é influenciar á opinión pública.

Lennin tamén a desenvolveu sendo, asemade, o que lle outorgou o nome (agitprop) debido a os seus argumentos emocionais e razoados. O termo é unha abreviatura da Oficina de Axitación e Propaganda (OSVAG) do Partido Comunista da Unión Soviética.


Propaganda de axitación

Dentro da Oficina de Axitación e Propaganda traballaban, pois, axitadores e propagandistas.

Propagandista: trátase daquelas persoas cuxa misión é transmitir unha gran cantidade de ideas a un grupo reducido de persoas. O método empregado denomínase “revelación política” e consiste en relacionar un feito puntual co contexto xeral da doutrina. Por exemplo: “a xente non pode ir á compra porque non ten diñeiro, e non ten diñeiro por culpa do FMI”.

Axitador: ao contrario que os propagandistas, inculcan poucas ideas a un gran número de persoas. O método empregado neste caso denomínase “voz da orde”. As voces da orde soen expresar obxectivos a través dun slogan que actúa como control emotivo. Nembargantes, a voz da orde ten un unha parte racional, por exemplo, “A unidade do proletariado”.

A PROPAGANDA EDUCATIVA NA REVOLUCIÓN RUSA

A liña de actuación propagandística seguida por Lennin durante a Revolución Rusa (1917) tiña un obxectivo fundamental: concienciar aos proletarios da explotación capitalista, xa que Lennin consideraba que estes non tiñan posibilidades de adquirir por si mesmos a conciencia de “clase en si” da que Marx falaba, estando capacitados só para adquirir unha “conciencia sindical”.

Dende esta perspectiva as masas populares só contarían cun poder cego e espontáneo. De xeito, que deberían ser os intelectuais dunha elite política os que terían o deber de espertar a conciencia revolucionaria nas masas proletarias.

Este postulado xustifica a misión “educativa” que se lle outorga á propaganda dentro do sistema soviético.

Así pois, as masas e o partido son complementarios, posto que un non pode actuar sen o outro. Os proletarios aportan a forza e a espontaneidade e o partido forma a conciencia revolucionaria.

Mais na práctica, os revolucionarios atoparon algunhas dificultades ao pór en marcha a acción de propaganda a través da educación política:

1- Importante analfabetismo.

2- Diversidade cultural dos diferentes pobos que integrarían a URSS.

3- Grandes distancias xeográficas

A REVOLUCIÓN SOVIÉTICA

Tralo remate da época zarista en Rusia, no que constitúe o período pre-revolicuinario, comeza unha nova etapa marcada por un estilo comunicativo persuasivo de forte influencia para as masas iniciado en 1917 coa coñecida Revolución Soviética ou Rusa.


Vladimir Ilich Ulianov "Lennin"

Mais para comprender a acción propagandística levada a cabo por Lennin na devandita revolución, debemos deternos antes nalgúns aspectos da súa ideoloxía.

Fundamentos filosóficos da revolución: o materialismo histórico de Marx.

A groso modo e sen profundizar demasiado, o materialismo histórico de Marx plantexa que o motor da historia é a loita de clases.


Karl Marx

Logo dun “comunismo primitivo” ao comezo da historia, algúns homes comezan a apropiarse dunha cantidade de bens e riquezas que, ao xerar desigualdades, desata a loita de clases.

A través dos séculos, como consecuencia da posesión dos bens de produción sempre existiron dúas clases sociais antagónicas en conflito (amos-escravos na sociedade escravista, terratenentes-servos na sociedade feudal, burgueses-proletarios na sociedade capitalista). Unha delas é explotada en beneficio da outra, esta última, propietaria dos medios de produción.

Este conflito dá lugar á aparición dunha estrutura social e económica.

De acordo con Marx, na derradeira fase da loita, os proletarios toman conciencia da explotación á que se ven sometidos polo capitalismo e acceden ao poder así como á propiedade dos medios de produción.

Deste xeito desaparece a loita posto que se orixina a sociedade sen clases ou sociedade comunista.

ESQUEMA DA EVOLUCIÓN DIALÉCTICA DA HISTORIA SEGUNDO MARX

Lennin partirá, pois, desta corrente de pensamento para levar a cabo a Revolución Soviética de 1917, mais toda ela non é froito só da súa figura xunto con outros nome que posteriormente pasaron a formar parte da historia, senón que foi unha labor conseguida coa loita dun pobo que reclamaba os seus dereitos ante as desigualdades, inxustizas e opresións ás que eran sometidos.

A liña de actuación propagandística que o partido seguirá a partir dese momento, irá encamiñada a espallar ese fundamento filosófico do que toda a revolución estaba cinguida.

A PROPAGANDA NA GRAN GUERRA (III)

EE.UU

Antes da guerra a opinión da poboación norteamericana atopábase dividida en dous bandos antagónicos. Por unha banda, os que apoiaban a causa alemá e, pola outra, os que vían con certa simpatía o posicionamento inglés, que propiciaba a incorporación dos EE.UU á contenda aliándose a Inglaterra e, por conseguinte, contra os alemáns.

De xeito que os xornais, unha das principais ferramentas propagandísticas da época, defendían posicións diferentes.

Ao incorporarse á guerra, o goberno norteamericano creou un Comité de Información Pública que posuía dous tipos de acción propagandística:

a) A propaganda encamiñada a elevar ou canto menos manter a moral da cidadanía norteamericana.

b) A propaganda dirixida aos países estranxeiros cuxo obxectivo era explicar e xustificar a incorporación dos Estados Unidos á guerra. A mensaxe era clara: os EE.UU eran unha especie de “xusticeiro” e as súas causas a democracia, a xustiza e a paz. (Unha mensaxe que empregaron noutros conflitos bélicos como a invasión de Iraq).

"Xuntos venceremos"

O traballo propagandístico dos EE.UU durante a I Guerra Mundial (1914 - 1918) deixou como herdo un modelo de organización; do mesmo xeito que se obtiveron numerosos aportes de grande utilidade para a psicoloxía, a socioloxía e as técnicas de persuasión publicitaria que se empregan hoxe en día, o que nos amosa como os efectos da propaganda chegan alén do que se agardaba con eles.

"Os maríns dos Estados Unidos, a man dereita do Tio Sam"

Fonte da información:

http://publicidad.idoneos.com/index.php/352607

A PROPAGANDA NA GRAN GUERRA (II)

INGLATERRA

Os ingleses, ao igual que os alemáns, traballaron moito a prol do dominio da opinión pública norteamericana, procurando así a alianza.

Mais a propaganda inglesa demostrou ser máis funcional que a dos xermanos.

En 1917 creouse o Ministerio de Información que controlaba todas as campañas para que, tan só, se divulgara a “información oficial”.

Mais, ao remate da guerra, esta estratexia deixaría unha mala ollada da poboación cara a propaganda xa que se decataron de que os sacrificios levados a cabo non foran recompensados coas promesas feitas polo Ministerio de Información, de xeito que este cargo foi suprimido.

Fonte da información

http://www.ati.es/article.php3?id_article=161